Os primeiros en mercar o xogo Wanted levarán o DVD coa súa película de balde

xoves, 2 de abril do 2009 Marcus Fernández

Mañá chega ás tendas españolas o xogo Wanted: Weapons of Fate para PlayStation 3, Xbox 360 e PC, que vén a ser unha especie de secuela da película da Universal protagonizada por James McAvoy, Angelina Jolie e Morgan Freeman baseada nun cómic de Mark Millar e J. G. Jones, e para celebrar o lanzamento deste xogo desenvolvido dende os estudos barceloneses de GRIN, a súa distribuidora regalará aos 9.000 primeiros compradores unha copia en DVD da película (valorada en 19,99 euros), o que supón un interesante incentivo para a súa adquisición.
Cómpre destacar que este xogo non é a típica adaptación de película, pois está feito con moito coidado e sen as presas que leva o lanzamento de xogos simultaneamente coas estreas nas salas de cine, achegando un produto excelente e francamente divertido no que se intercalan unhas escenas cinemáticas que completa a película orixinal con historias situadas antes e despois da súa acción (polo que sería tanto secuela coma precuela).

No xogo poderán desbloquearse personaxes xogables adicionais

Durante o xogo tampouco falta a espectacularidade, especialmente no uso de habilidades especiais coma o disparo de balas curvas e o aproveitamento do tempo asasino (para disparar a varios inimigos nun instante que veremos a cámara lenta, o que incluso nos permitirá deter balas na súa traxectoria).
Como curiosidade podemos comentar que a actriz Paz Vega pon voz a un personaxe creado especialmente para o xogo, a espía española Araña; mentres que Terence Stamp interpreta a Pekwarsky (personaxe que tamén encarnaba na película) e o cantante Common fai do violento Brummel.
Tanto a película coma o DVD tamén agochan unha serie de códigos binarios que podemos insertar no xogo para desbloquear elementos especiais a xeito de trucos, dos que xa hai 2 sobradamente coñecidos ( 01101101 para conseguir adrenalina infinita e 01100101 para o modo corpo a corpo), e outros que permitirán utilizar novos modos de xogo (un reto consistente en disparar ás cabezas dos nosos inimigos e outro de contrarreloxo), trucos (armas máis potentes, melloras na saúde ou munición infinita) e personaxes alternativos.


Reportaxe sobre a dobraxe do xogo

PUBLICIDADE