Os primeiros Dead Rising reedítanse para celebrar o seu 10º aniversario

martes, 9 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Capcom quere celebrar que xa van 10 anos dende o lanzamento do seu xogo Dead Rising, que supuxo unha interesante volta aos xogos de mortos viventes, na que un reporteiro gráfico tiña que desvelar a verdade sobre un incidente zombi nun centro comercial, podendo defenderse con multitude de obxectos que se convertían en improvisadas armas do máis absurdo.
Este xogo chegou ao mercado inicialmente como exclusivo para Xbox 360, pero tal foi o seu éxito que converteuse nunha franquía que rematou chegando ao resto de plataformas, e para celebrar o seu décimo aniversario confírmase a reedición do xogo con gráficos actualizados a 1.080p e 60 fotogramas por segundo e incluíndo todos os seus contidos descargables para o vindeiro 13 de setembro, data na que estará dispoñible o xogo en formato descargable para Xbox One, PlayStation 4 e PC (Steam).
Capcom tamén decidiu aproveitar a ocasión para remasterizar para as consolas de nova xeración Dear Rising 2 e Dead Rising 2: Off the Record, xogos que sairán tamén na mesma data. Os seareiros da saba poderán optar por facerse con cada un dos tres xogos reeditados por 19,99 euros, ou optar pola súa compra conxunta por 49,99 euros (estando a reserva xa aberta no caso da Xbox One).
Estas reedicións chegan nun momento moi oportuno, xa que está próximo o lanzamento de Dear Rising 4, xogo no que Frank West volverá a Willamette, e deste xeito os que non coñecesen a saga poderán achegarse á mesma para familiarizarse con ela antes da súa vindeira entrega.

Tráiler da edición 10ª aniversario de Dead Rising

PUBLICIDADE