Os personaxes de Street Fighter e Tekken enfrontaranse en 2 novos videoxogos

luns, 26 de xullo do 2010 Marcus Fernández

A pasada fin de semana durante a Comic-Con de San Diego os afeccionados aos xogos de loita puideron asistir a unha serie de anuncios de Capcom e Namco Bandai que poderían sentar un curioso precedente, xa que confirmaron que van fusionar as súas franquías Street Fighter e Tekken en 2 xogos, un de cada compañía.
Deste xeito, Street Fighter X Tekken será un xogo de Capcom para Xbox 360 e PlayStation 3 que facendo uso do motor de xogo de Street Fighter IV engadirá á area aos personaxes de Tekken, o que será bastante interesante ver, pois estes últimos teñen unha mecánica de xogo tridimensional moi marcada.
Tekken X Street Fighter será outro xogo digno de ver, no que Namco Bandai vai introducir aos personaxes de Street Fighter (algúns xa vistos en 3D no pasado) no ring de Tekken, para o que contarán cun cambio visual, pretendendo manter os seus estilos de combate e movementos especiais.
Con estes títulos podemos entender que realmente non se están a enfrontar os personaxes de 2 grandes franquías, senón que estamos ante a loita de 2 compañías que queren ver cal é capaz de facer o mellor xogo co mesmo cadro de personaxes, aínda que o máis probable é que cada título satisfaga a un público diferente.
Aínda que con iso parecería que xa tiñamos bastante, Capcom aproveitou a ocasión para anunciar que está a preparar o regreso de Street Fighter III nun título descargable a través de PlayStation Network e Xbox LIVE Arcade que levará coma subtítulo 3rd Strike Online Edition, o que parece dar a entender que estariamos ante un xogo de loita que, aparte de recuperar o clásico de recreativas, centraría a súa acción nun modo en liña.


Vídeo promocional de Street Fighter X Tekken

PUBLICIDADE