Os nacionalistas galegos volven pedir axudas para as familias galegas sen cobertura de TDT

martes, 23 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

É un feito que a Televisión Dixital Terrestre, tal e como a percibe estes días unha boa parte dos galegos (co decodificador conectado á antena previamente adaptada), non vai chegar ao 100% da poboación do país e da estatal. Ficará fóra deste modelo corrente unha miúda porcentaxe da cidadanía (principalmente por razóns de illamento ou de complicacións orográficas), porcentaxe á que está previsto achegarlle unha alternativa para recibir o sinal da nova televisión: a alternativa do satélite. Pois ben, segundo sinalou os días pasados o Goberno logo dunha pregunta do voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera (na imaxe), este subministro de sinal por satélite non vai vir acompañado de axudas para a compra dos equipos precisos para recibilo.
Por este motivo, os nacionalistas galegos (que xa trataron esta cuestión o pasado verán) demándalle ao Executivo central “solucións para as localidades emprazadas nas zonas de sombra, como é o caso de moitos núcleos de Lugo e das outras provincias galegas, que non poderán sintonizar a TDT logo de que o 3 de abril de 2010 se produza o último apagamento analóxico”, sinalan nun comunicado. Para Jorquera, é importante saber que vai acontecer na última fase do apagamento con estes emprazamentos illados da nosa xeografía, onde semella que “existen unha serie de problemas que aínda non teñen unha solución clara e definida para os seus habitantes, como é o caso de 7.000 habitantes da provincia de Lugo, aproximadamente o 2% da poboación, que non poderán sintonizar a TDT”.

PUBLICIDADE