O BNG reclama axudas para cubrir as zonas de sombra da TDT en Galicia

martes, 28 de xullo do 2009 Raquel Noya

O deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria na Cámara Baixa para demandarlle ao Ministerio de Industria, “solucións para as poboacións situadas nas denominadas zonas de sombra, como é o caso de moitos núcleos de Lugo, que non poderán sintonizar a TDT despois de que o vindeiro 3 de abril de 2010 se produza o último apagón analóxico”.
Jorquera amosa a preocupación do BNG de cara a última fase do apagón analóxico xa que, segundo afirma, “existen unha serie de problemas que aínda non teñen unha solución clara e definida, como por exemplo os 7.000 habitantes da provincia de Lugo (aproximadamente o 2 por cento da poboación), que non poderán sintonizar a TDT”.
O deputado do BNG recolle, asemade, que unha das posibles solucións que se manexan é a de ”transmitir o sinal vía satélite”, porén, afirma que “os afectados terán que estar durante un tempo sen poder ver televisión posto que non se pode solicitar a colocación das antenas até que non se produza o apagón. Sen esquecer que terá custes para eles”.
É por isto que o parlamentario nacionalista apela ao Plan de Actuacións de Apoio a colectivos con risco de exclusión nos Proxectos de Transición da Fase I do Plan Nacional de Transición. Un Plan que ten por obxecto a posta en funcionamento de mecanismos de información preferente, protección e especial atención, dirixidos aos integrantes dos colectivos que presentan especial risco de exclusións no proceso de transición tecnolóxica.
A pregunta que Jorquera lle dirixe ao Goberno Central é “se este Plan de Actuacións contempla a circunstancia das zonas de sombra, e se inclúe axudas pola instalación de antenas vía satélite”.

PUBLICIDADE