Os éxitos de No Doubt, dispoñibles en Guitar Hero III: Legends of Rock

venres, 29 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Temas tan coñecidos como Don´t Speak, Excuse Me Mr ou Sunday Morning incluídos no albume Tragic Kingdom de No Doubt xa poden ser estragados polos seareiros do Guitar Hero III: Legends of Rock de Activision INC, que vén de lanzar novas cancións descargables no bazar Xbox LIVE para a consola Xbox 360.
O devandito conxunto de gravacións de No Doubt (que foi premiado cun disco de platino) tamén se pode conseguir no Playstation Store dos Estados Unidos para a consola Playstation 3, aínda que a Europa non chegará ata o vindeiro 13 de marzo.
O Guitar Hero III: Legends of Rock ofrece unha “experiencia de rock definitiva” con novas guitarras sen fíos, contidos e opcións engadidas como o modo de batalla multixogador inspirado nos xogos de acción, un gran número de contidos desbloqueables e salas de concertos visualmente espectaculares.
Os modos multixogador en liña veñen de ser ampliados para que os fanáticos da guitarra de todo o mundo poidan competir polo título de mellor lenda do rock. Ademais dos temas acabados de incorporar de No Doubt, os músicos virtuais poden tocar temas de artistas tan lendarios como Aerosmith, Guns ´N´ Roses, The Rolling Stones, Beastie Boys, Rage Against the Machine e Pearl Jam, ademais de cancións orixinais de ídolos das seis cordas como Slash e Tom Morello.

PUBLICIDADE