Os equipos con Windows 8 xa poden gozar de aplicacións para Android a través de BlueStacks

martes, 12 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que a chegada de Windows 8 aos tablets poida ser unha revolución, inicialmente só tira un auténtico proveito da súa interface táctil nunhas poucas aplicacións (unhas 35.000), pero agora iso pode mudar grazas a BlueStacks, compañía que traballa nun reprodutor de aplicacións de Android para ordenadores con Windows e OS X, que vén de actualizar o seu software a Windows 8, optimizándoo para o novo Surface Pro, de xeito que o novo equipo portátil de Microsoft poderá gozar das máis de 750.000 aplicacións de Android.
Dende BlueStack están a lanzar unha campaña baixo o lema Get Your Apps Back co que axudan aos usuario do novo Surface Pro e de equipos con Windows 8 a gozar da súas aplicacións móbiles favoritas, podendo acceder ao reprodutor de aplicacións dende o propio menú do sistema operativo, tanto nunha fiestra como a pantalla completa, trasladando con bastante fidelidade a experiencia de uso de tablets con Android (detectando se empregamos o noso dispositivo en orientación vertical ou horizontal).
Esta ferramenta, que está en fase de probas, non se limita a cargar aplicacións de Google Play, senón que tamén facilita o acceso a outras tendas de aplicacións, e parece aspirar a vir preinstalada en numerosos equipos no futuro, conseguindo polo momento uns 5 millóns de descargas, polo que parece que terá un bo futuro.


Vídeo no que anuncian a adaptación de BlueStacks a equipos con Windows 8

BlueStacks estivo presenta na pasada edición do CES

PUBLICIDADE