Os creadores de Maniac Mansion preparan o seu sucesor espiritual

martes, 18 de novembro do 2014 Marcus Fernández

En 1987 Lucasfilm Games lanzou para Commodore 64 e Apple II un dos seus xogos máis destacados, a aventura gráfica Maniac Mansion, que logo saltaría a moitas outras plataformas, converténdose na base de todo un xénero grazas a que para a súa creación deseñaron un motor (SCUMM) que logo empregarían moitos outros títulos da mesma casa. Amais, este xogo que parodiaba as películas de terror de serie B tamén tivo en 1993 unha secuela moi aclamada, Day of the Tentacle, de aí que o feito de que os deseñadores do xogo orixinal, Ron Gilbert e Gary Winnick, decidisen volver unir forzas para lanzar outro xogo, está a captar moita atención.
O título no que queren traballar Gilbert e Winnick sería Thimbleweed Park, e podería considerarse como un herdeiro espiritual de Maniac Mansion, pois incluso adoptará o seu mesmo concepto de xogo point & clicken 2 dimensións e con gráficos pixelados, buscando lembrar a estética dos clásicos de Lucasfilm e reducindo tamén a complexidade do xogo, para poder centrarse en conseguir un título tan divertido como os xogos que facían hai máis de 25 anos.
Para que Thimbleweed Park poida ver a luz están a organizar unha campaña en Kickstarter, que posiblemente supere os 375.000 dólares que persegue nos seus primeiros días, dado o éxito que tenden a ter este tipo de proxectos de micromecenado respaldados por lendas do mundo do videoxogo e aproveitando a forza da nostalxia. O prezo mínimo para poder facerse cunha copia deste xogo que pretende estar listo en xuño de 2016 é de 20 dólares (15,97 euros), sendo posible achegar cantidades superiores para conseguir numerosos extras como camisetas, carteis, o xogo en formato físico... ou incluso aparecer dalgún xeito no xogo final.

Imaxe na que podemos ver a aparencia que pretende ter Thimbleweed Park

PUBLICIDADE