Os códigos PEGI incorporan cores

xoves, 18 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Cada vez que saltaba aos medios de comunicación un suposto escándalo polo lanzamento dun videoxogo con contidos adultos (principalmente pola súa violencia) algunhas asociacións de pais e consumidores desinformadas esixían unha regulación para cualificar por idades aos videoxogos, esquecendo que o sector leva anos auto-regulado, para o que adoptaron un sistema coñecido coma PEGI que distingue por idades o contido dos xogo (non o seu nivel de dificultade, coma acontece nos xogos de mesa) e incluso detalla mediante símbolos claramente identificables se nun título aparece violencia extrema, sexo, linguaxe ofensiva, xogos de azar, uso de drogas, discriminación ou, simplemente, elementos que poden meter medo a un cativo.
Para mellorar a visibilidade e a comprensión por parte dos pais deste códigos, veñen de modificar o seu sistema de cualificación por idades, que aparte dos números que representan a idade mínima para un xogo, empregan as cores verde, amarelo e vermello para reforzar o significado deste código. Así, as cualificacións de 3+ e 7+ terán fondo verde, as 12+ e 16+ terán un fondo amarelo, e a cualificación 18+ contará cun fondo vermello bastante rechamante, polo que queda moi claro que os xogos que o presentan na súa caixa non están recomendados para menores de idade.

PUBLICIDADE