Os clientes de Coremain tiveron acceso en Santiago ao posto de traballo do futuro
mércores, 22 de maio do 2013
A compañía chinesa
Huawei, unha das maiores
fabricantes de equipos de telecomunicacións do mundo, presentou este
martes 21 de maio en Santiago de Compostela, da man do seu socio
tecnolóxico Coremain, o seu
escenario móbil para dar a coñecer a súa visión conxunta sobre o
noso xeito de traballar (tecnoloxicamente) o día de mañá. Tal
e como avanzamos en Código Cero, tratouse dunha oficina
itinerante acubillada nun camión colector de grandes
dimensións, aberto ao público durante toda a xornada ao carón do
Pazo de Congresos e Exposicións, en San Lázaro. O seu interior, en
palabras de Coremain, “simulaba unha gran oficina
intelixente coas últimas novidades en aplicacións e dispositivos,
que farán posible o posto de traballo do futuro”.
Os asistentes, na súa
maioría clientes de Coremain, participaron “nun evento único
de demostración tecnolóxica” que serviu entre outras
cousas para que as dúas compañías deran a coñecer a súa proposta
para a vindeira faciana das comunicacións e da información nas
empresas, integrando na demostración equipos físicos conectados,
escenarios reais e exemplos prácticos personalizados. A oficina
acubillou probas con escritorios virtuais (integración de diferentes
aplicacións e ferramentas de emprego diario en escritorio remoto),
acceso fixo e sen fíos (Wi-Fi) á contorna corporativa dende
calquera dispositivo, comunicacións unificadas e traballo en rede
(networking). Segundo fixeron saber as dúas firmas, a súa alianza
estratéxica, completa o catálogo da área de Infraestrutura de
Coremain, “xa que Huawei achegará un amplo abano de solucións
cun alto nivel de calidade cunha tecnoloxía punteira en continua
evolución”, engadiu Coremain.
