Os cativos de Ponteareas e Ribeira achegaranse á robótica e ao audivisual a través dun par de obradoiros

luns, 6 de marzo do 2017 Marcus Fernández

O ciclo de obradoiros crea R que a compañía de telecomunicacións R está a organizar para cativos de entre 7 e 15 anos para premiar a fidelidade dos seus clientes e que comezarán o vindeiro sábado en Burela, van perfilando as súas vindeiras actividades, e hoxe dan conta de que o sábado tamén desenvolverán un obradoiro de robótica en Ponteareas, onde aplicando o innovador método Líbolis buscan que os participantes poidan crear un prototipo tecnolóxico empregando placas e materiais reciclados para desenvolver e potenciar a súa creatividade, traballen en equipo e incrementen a seguridade en si mesmos.
A actividade repártese en sesións de 2 horas cada unha que botarán a andar ás 10:00, 12:00 e 16:30 horas, destinándose cada quenda a pequenos de 7-8 anos, 9-11 anos e 12-15 anos respectivamente, limitándose cada unha a 20 participantes, e sendo preciso inscribirse na tenda de R na vila.
A mesma estrutura organizativa desenvolverase o 18 de marzo en Ribeira, onde terá lugar un novo obradoiro crea R, pero que desta volta muda a súa temática, e achegarase ao mundo do audiovisual, de xeito que os participantes poderán crear un anuncio para un produto concreto, para o que terán que elaborar un guión e gravar un anuncio, para o que teñen que desenvolver a súa capacidade comunicativa e a súa oratoria dentro dunha divertida experiencia.

Vídeo promocional dos obradoiros crea R

PUBLICIDADE