Os alumnos do IES de Sar de Santiago afondan nos segredos da videoconferencia

venres, 6 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Falar por videoconferencia non só é moi semellante a facelo de xeito presencial (se cadra o máis semellante que ten posibilitado até o de agora a tecnoloxía) senón que tamén é cómodo. Por exemplo: evítanos ter que desprazarnos e/ou desembolsar unha boa cantidade de cartos se precisamos ter un contacto directo cunha empresa situada no recanto máis afastado do mundo. Dar conta destas e doutras vantaxes para a vida persoal e laboral é o obxectivo dun programa do que están a gozar xa unha chea de centros educativos de Galiza. Entre eles, o IES de Sar, que acode hoxe pola mañá á Facultade de Xornalismo (na imaxe) para coñecer de primeira man o telecentro de comunicación de Santiago e, máis polo miúdo, todo o relacionado co funcionamento das videoconferencias a través de actividades e xogos variados.
De feito, un dos obxectivos da actividade é animar aos ás alumnas e alumnos a falar co alumnado doutro centro de secundaria situado noutro telecentro de comunicación a través de videoconferencia e crearán un blog do concello onde está situado o IES.
A visita, como as outras moitas que se inclúen ao longo do mes de xuño e que implican aos IES de toda a nosa xeografía, forma parte do programa chamado A videoconferencia como ferramenta de comunicación. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Consorcio Audiovisual de Galicia, para fomentar o emprego da dita tecnoloxía entre o alumnado de secundaria galego.

PUBLICIDADE