Os Xogos con Gold de abril dan unha nova oportunidade a Assassin’s Creed Syndicate

mércores, 28 de marzo do 2018 Marcus Fernández

A selección de xogos que recibirán os subscritores Gold de Xbox LIVE no mes de abril parece ser máis que atinada, conseguindo satisfacer a numerosos perfís de xogadores, xa que no caso da Xbox One comeza co enigmático xogo independente The Witness no que convídase ao xogador a percorrer un mundo aberto con numerosas localizacións que explorar e máis de 500 quebracabezas que resolver. O xogo de Xbox One que pon a guinda ao mes de abril sería Assassin’s Creed Syndicate, entrega da franquía de Ubisoft que, pese a ter un nivel de calidade bastante bo, fracasou en vendas como consecuencia do desastroso lanzamento da anterior entrega da saga, polo que moitos xogadores poderán por fin darlle unha oportunidade a un título moi atractivo que traslada a acción ao Londres de 1868 en plena Revolución Industrial.
Os xogos de Xbox 360 retrocompatibles con Xbox One de abril tampouco baixan o listón, e por unha banda temos o xogo de Cars 2, que de seguro que agradecerán os pequenos da casa, e ao que seguirá todo un clásico moderno, Dead Space 2, secuela de Dead Space que supuxo a consolidación desta franquía que demostrou que era posible facer cousas novas dentro do xénero dos survival horror.

PUBLICIDADE