Os Simpson introduciranse en Minecraft

xoves, 15 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Dous grandes fenómenos actuais, o xogo Minecraft e a serie de animación dos Simpson, atoparán un punto de encontro nas consolas Xbox, xa que Microsoft vén de anunciar que as edicións para Xbox 360 e Xbox One de Minecraft contará cun contido descargable baseado nos Simpson, que chegará a finais de febreiro e incluirá á familia Simpson en completo (Homer, Marge, Bart, Lisa e Maggie) e a 19 personaxes da Escola de Primaria de Springfield.
Phil Spencer, director de Xbox, asegura que “temos unha comunidade activa de máis de 17 millóns de usuarios de Minecraft en Xbox LIVE gozando dun amplo abano de contido descargable en Xbox, e estaban a clamar para que levásemos aos personaxes dos Simpson ao xogo” o que levounos a pechar un acordo con Twentieth Century Fox e Gracie Films para facer posible esta curiosa conxunción de franquías de éxito.
O contido descargable dos Simpson para Minecraft terá un prezo de 1,99 dólares, e aínda que o seu anuncio chegou por parte de Microsoft, é de agardar que esteamos ante unha simple primicia para Xbox, de xeito que tamén chegaría a outras plataformas para as que está dispoñible Minecraft, xogo que dende o seu lanzamento superou os 100 millóns de descargas, o que permite facernos unha idea da escala deste fenómeno cultural.

PUBLICIDADE