Os Premios PlayStation Talents recoñecen o deseño artístico de Avy, Fábulas da Noite

mércores, 13 de decembro do 2023 Marcus Fernández

O estudio de videoxogos Gamespond, acudiu esta semana á gala de entrega dos Premios Iokool PlayStation Talents, na que o seu videoxogo Avy, Fábulas da Noite estaba proposto en 5 das 10 categorías, incluíndo a de Mellor Xogo, e aínda que o principal galardón recaeu no xogo Retrieval de 333 Studios, a proposta ferrolá non marchou coas mans baleiras, xa que Avy, Fábulas da Noite recibiu o premio a Mellor Arte.
A ferrolá Alicia Puentes é precisamente a artista encargada dos gráficos do xogo, formando tamén parte do equipo de Gamespond Diego Pérez, George Neighbour, Mónica García, Juan García e Sergio García. Cómpre salientar que este proxecto naceu como traballo de fin do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
Até o momento Avy, Fábulas da Noite só está desenvolvido parcialmente, estando na procura de financiamento para poder completarse e facéndose como moitos galardóns polo camiño, como o Premio ao Mellor Xogo Cozy na Indie Dev Day de Barcelona ou o Premio Especial da Crítica na Kokoro Japan Expo de Vigo.

PUBLICIDADE