Os Premios Mestre Mateo contarán este ano cun 55% máis de empresas a concurso

venres, 5 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Xa sabemos as cifras de produtoras e traballos que optarán este ano ós Premios Mestre Mateo: 63 das primeiras e 125 dos segundos. Isto, segunda apunta a Academia Galega do Audiovisual (organizadora) significa que nesta convocatoria participa un 55% máis de empresas con respecto ó ano pasado, e sen contar aínda as producións que se agardan recibir nas vindeiras semanas por correo postal.
Polo momento, foron contabilizadas 63 firmas, aínda que cómpre sinalar que algunha delas acode con varios produtos (que en total ascenden a 125). En canto se reciban tódalas propostas, unha comisión integrada por profesionais da Academia encargarase de comprobar se os traballos presentados cumpren cos requisitos esixidos.
Segundo sinala a institución nun comunicado, unha vez elaborada a listaxe de candidaturas, comezará o proceso de votación por parte dos socios, que culminará coa Gala dos Premios Mestre Mateo 06 que se celebrará na vindeira primavera, e que arroxará os resultados das votacións en cada unha das 25 categorías en que se distribúen estes premios.

PUBLICIDADE