Os Pikmin chegan ao móbil

martes, 2 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Niantic, Inc., o estudio de videoxogos involucrado en éxitos como Pokémon GO, volve á carga da man de Nintendo con Pikmin Bloom, xogo que facendo unha vez máis uso da xeolocalización e da realidade aumentada convídanos a xogar cos Pikmin no noso contorno a través do novo xogo móbil que dende hoxe podemos descargar dende España nas súas versións para iOS e para Android.
O xogo leva uns días espallándose territorialmente, facendo que o seu lanzamento progresivo evite incidencias técnicas por mor do elevado número de usuarios interesados en xogar coa divertidas criaturas semellantes a unha planta coas que podemos interactuar, axudándoos a medrar e enchendo o mundo de flores.
Para que medren máis Pikmin será preciso que o usuario camiñe, de aí que estamos ante unha aplicación móbil, que rexistrará a nosa actividade física, para que así poidamos progresar mantendo hábitos saudables. Canto máis camiñemos máis doado será incrementar o noso pelotón de Pikmin, dos que nacerán pétalos que poderemos plantar mentres camiñamos para deixar un rego de flores ao noso paso.
No xogo tamén podemos sacar fotografías de recordo e recoller froita e plántulas (macetas con gromos de Pikmin), deixando claro que estamos ante un título moi diferente aos xogos aos que moitos están afeitos, que aposta por un ritmo moi pausado, centrándose en plantar flores e percorrer o mundo, aproveitando a conectividade para ver o rastro que deixan o resto de xogadores, e animando ao usuarios con retos diarios que ir superando.

Adeus a Harry Potter

En contraste co lanzamento do novo xogo de Pikmin, Niantic tamén está a anunciar que o xogo Harry Potter: Wizards United deixará de estar operativo o 31 de xaneiro de 2022, deixando claro unha vez máis que o mercado de xogos deste tipo é limitado, e dado que os usuarios dificilmente simultanearán varios títulos que tiren proveito da xeolocalización é normal que vexamos como este tipo de xogos veñen e van, consolidándose moi poucos títulos a longo prazo.

Vídeo de presentación de Pikmin Bloom

PUBLICIDADE