Os Armadores de Burela apostan polas novas tecnoloxías para o seu traballo diario

luns, 22 de decembro do 2008 Raquel Noya

Na súa aposta pola implantación de novas tecnoloxías da información que optimicen mellor os seus recursos, os Armadores de Burela S.A. (ABSA) veñen de confiar en Emetel Sistemas para a implantación dunha rede Wi-Fi como ferramenta de mellora no control da trazabilidade dos seus produtos pesqueiros. Cun investimento de 60.000 euros, a compañía fai unha aposta firme polas novas canles de comunicación no vieiro de optimizar os seus procesos e garantir a máxima calidade e control nos seus produtos, mentres se prepara, segundo anunciaron, “para adherirse ao prestixioso selo distintivo PescadeRías”.
A principal aplicación desta solución sen fíos, que “ofrece un gran número de posibilidades”, será, polo de agora, incorporar un sistema de rexistro electrónico dos pesaxes e as ventas das poxas para obter un aforro considerable de tempo e custes de produción.
A través de terminais móbiles (PDA) dotados de lectores de código de barras, garántese a trazabilidade dos produtos pesqueiros, recollendo tódolos datos de cada unha das caixas: especie, peso, prezo, data e lugar de captura… de xeito doado e rápido. Todo isto supón asemade unha mellora na xestión das tarefas e unha maior eficacia en tódolos procesos, ao poder conectarse á rede da compañía directamente dende calquera lugar con conexión Wi-Fi.
Asemade, os vendedores tamén poderán conectarse e rexistrar as vendas nas súas aplicacións, asociando cada caixa ao seu comprador, así como xerar e imprimir a factura sen necesidade de desprazarse á área de oficinas.
Miguel Neira, o director xerente de ABSA, sinala que a implantación das novas tecnoloxías “foi un gran respaldo para o control da trazabilidade das súas prioridades” e engadiu que na actualidade “son unha ferramenta clave na adaptación dos seus procesos aos requirimentos da marca PescadeRías”.
Neira tamén apuntou as vantaxes que obteñen os armadores ao incorporar esta solución ao seu traballo diario e destacou entre as mesmas, “a diminución da realización de tarefas manuais e con iso, o número de erros, de custes, de tempo e de materias primas, entre outras cousas”.
Con este proxecto, ABSA e Emetel, apuntaron, están a realizar unha “nova aposta na modernización do sector pesqueiro”, facendo “un uso axeitado das últimas tecnoloxías”.
O fin último, continuaron, “é ofrecer unha mellora substancial do proceso de negocio e, por tanto, da calidade que a empresa ofrece aos seus clientes”.
Esta rede Wi-Fi apórtalle, sen lugar a dúbidas, un gran valor ao desenvolvemento da actividade do porto e proporcionaralle un soporte seguro para múltiples transaccións, e para a implantación de novas ferramentas no futuro.

PUBLICIDADE