Os 3 últimos Resident Evil poden mercarse en lote para Xbox One

martes, 18 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Durante os últimos meses a franquía de xogos de Resident Evil iniciou unha curiosa conta atrás coas últimas entregas da saga, composta polos títulos considerados de acción en vez de survival horror, de xeito que cada poucos meses as consolas PS4 e Xbox One podían gozar de Resident Evil 6, Resident Evil 5 e Resident Evil 4 con gráficos en alta definición e todos os contidos descargables que saíron tras o seu lanzamento orixinal, pero que agora xa están dispoñibles de xeito conxunto, cun pequeno aforro, de xeito que os interesados en gozar destes xogos na súa nova consola poden facerse co Pack triple de Resident Evil por 49,99 euros para Xbox One e para PlayStation 4 (esta última versión, de feito, leva algo máis dun mes dispoñible), cando cada entrega por separado véndese a 19,99 euros.
Estamos ante unha excelente oportunidade para coleccionar unha etapa de Resident Evil que, aínda que conta co rexeitamento dos puristas, si foi a que gozou do maior favor do público, que acepta mellor os xogos de acción que os de supervivencia. Deste xeito, os que si gusten deste xiro que deu a saga poden aproveitar para revivir a experiencia, xa que Resident Evil 7 non irá na mesma dirección, volvendo ao survival horror, e incluso achegando unha historia completamente nova de xeito que ben podería pertencer a unha franquía completamente nova.

Resident Evil 6 sería a derradeira entrega de acción da franquía

PUBLICIDADE