Opera Unite busca revolucionar a web convertendo o navegador nun servidor de contidos

martes, 16 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Unha versión especial do Opera 10 permite compartir ficheiros a través da Rede

A xente dos laboratorios de Opera anunciara que ían revolucionar á web, e finalmente presentaron o que entenden por reinvención da web: Opera Unite. Esta nova tecnoloxía converte o navegador web non só nunha aplicación cliente, senón tamén nun servidor, permitindo publicar na Rede sen precisar de servidores de terceiros, dun xeito tan sinxelo como navegar pola web, o que podemos probar a través dunha versión especial do navegador Opera.
Deste xeito, a través de Opera Unite podemos iniciar servizos orientados á web coma compartir ficheiros, servir páxinas web, reproducir ficheiros multimedia, compartir fotografías, chatear e mesmo deixar anotacións (en plan Post-It) para os nosos contactos, no que prometen que só será o principio desta revolución.
De todos os xeitos, esta solución non parece que vaia calar entre o público, pois conta con moitos defectos, coma o estar centrada no PC (que ten que permanecer acendido constantemente para que Opera Unite funcione coma servidor), depende excesivamente do largo de banda de subida que teñamos (que normalmente é un recursos moi limitado), pode ter problemas de configuración (con devasas, routers, etc.), está centralizado en proxies de Opera e podería provocar múltiples problemas de seguridade.


Presentación do Opera Unite

PUBLICIDADE