OnLive preséntase como unha plataforma de videoxogos sen consola

martes, 24 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A oferta de xogos do servizo promete ser variada

Nos últimos meses vimos coma moitos servizos que habitualmente estaban ligados ao escritorio informático dependen agora da web, e seguindo esa mesma filosofía de centralización, chega agora OnLive, un servizo que se presenta hoxe na Game Developers Convention de San Francisco e que levaría os videoxogos á nube, de xeito que ordenadores (tanto PC coma Mac) de pouca potencia poderían facer uso de xogos de grande potencia sempre que conten cunha conexión á Rede de boa velocidade e baixa latencia.
Este servizo podería chegar ao mercado norteamericano no inverno (supomos que o lanzamento internacional dependerá do éxito local) e para conectarse a través de aplicacións cliente en Windows ou Mac OS X, aínda que tamén existirá unha opción para o televisor a través dunha especie de consola que, en realidade, é un simple adaptador para acceder a esta plataforma de xogo, e que contará con conexión Ethernet, saída HDMI e soporte de ata 4 mandos sen fíos, 4 auriculares Bluetooth e incluso teclado e rato (a través dun par de portos USB).

OnLive contará con mandos sen fíos

O éxito desta iniciativa dependerá moito da experiencia de xogo que permita (especialmente no tocante á velocidade de resposta e os problemas de latencia) e do atractivo do seu prezo (que podería constar dunha subscrición á que engadir o prezo polo aluguer ou compra de xogos), aínda que comezan con bo pé, pois chegaron a alianzas con empresas coma Electronic Arts, Ubisoft, Codemasters, Take-Two… de xeito que xogos coma Crysis Wars, Mirror’s Edge ou Burnout Paradise estarán dispoñibles para esta plataforma.
Este proxecto é obra de Steve Perlman (fundador de WebTV) e Mike McGarvey (ex director de Eidos), que parecen ter claro este negocio, e prometen que se estreará con 16 xogos no seu lanzamento, iniciando o seu período de probas (privadas) no verán, polo que entendemos que na segunda metade do ano darán moito que falar por alzarse como toda unha ameaza para as consolas de videoxogos actuais, aínda que conten cun factor limitante importante: para ter gráficos de definición estándar é preciso contar cunha conexións á Rede de 1,5 Mbps como mínimo, que sube aos 5 Mbps para a alta definición.

OnLive achegará títulos de sona coma Mirror’s Edge



PUBLICIDADE