Obxectivo: acadar un medre anual medio do 4,7% no noso sector TIC

xoves, 9 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Rafael Valcarce, presidente do Cluster TIC de Galicia, nunha imaxe vista en A Nosa TerraO Cluster TIC de Galicia, que presentou onte en Santiago o seu Plan Estratéxico 2011-2013 (do que avanzamos unhas cantas liñas xenéricas dende esta web), ten para os vindeiros anos importantes retos empresariais, tecnolóxicos e sociais, tanto no que se refire a crecemento propio e dos seus integrantes como do piar no que se insire e do que recibe alento: a sociedade galega por enteiro. Para comezar, a plataforma TIC prevé importantes medres na facturación dos seus asociados no exercicio actual e nos dous seguintes. No plano dos números e facendo unha media fiable, estariamos a falar dun crecemento do 4,7% anual nas vendas das empresas integrantes. Así, para o presente ano agárdase un aumento de tres puntos porcentuais, que se elevará ata un 5% en 2012 e continuará o seu ascenso en 2013, para acadar o 6%.
A presentación destes e outros datos, como dixemos onte, celebrouse no Centro Social de Novacaixagalicia en Santiago de Compostela, nun acto que estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e ao que tamén asistiron o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e a directora xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica, Mar Pereira.
Como avanzamos, os obxectivos destacados do Plan Estratéxico 2011-2013 do Cluster TIC Galicia son impulsar a competividade e a produtividade. A nivel de cifras e datos concretos, os grandes retos do Plan son promover a posta en marcha de 29 proxectos de I+D+i; elevar un 4% anual o gasto real neste capítulo das empresas membros da organización; impulsar a creación de 17 empresas de base tecnolóxica; promover a participación de 80 firmas en programas de mellora do acceso a fontes de financiamento, ou dar formación especializada a 380 directivos e profesionais do sector.
O Plan, que conta cun orzamento de 1.903.000 euros, prevé tamén incrementar o número de membros do Cluster, que actualmente é de 104, crear un selo de calidade para o sector TIC galego e desenvolver un programa de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).
Estes retos, informa o Cluster TIC, forman parte dun mapa de obxectivos instrumentais organizados arredor de tres grandes eixes estratéxicos, a saber: converter o Cluster TIC Galicia na organización integradora do macro-sector; incrementar a competitividade dos membros da entidade, e promover o crecemento da cifra de negocio dos socios do Cluster.
Para acadar estas metas poranse en marcha 35 proxectos e programas de actuación, a eficacia dos cales será sometida a un minucioso control e seguimento por medio do cadro de mando integral do Plan Estratéxico”, informou o Cluster.

PUBLICIDADE