O Cluster TIC presenta a súa folla de ruta cara a competitividade

mércores, 8 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Cómpre deixar de facer referencia ao nacemento do Cluster TIC de Galicia e ao seu natural proceso de medre coma se fose unha novidade permanente. Nin o Cluster TIC, que xa hai tempo que é unha realidade palpábel, nin a sociedade galega, que traballa arreo por adaptarse á vangarda tecnolóxico-dixital, merecen iso. Sobre as posibles dúbidas ao respecto disto, foi o Cluster mesmo quen se encargou de despexalas. E fíxoo elaborando a conciencia o seu Plan Estratéxico 2011-2013, unha pormenorizada folla de ruta cara a competitividade do noso país que foi presentada este mércores 8 de xuño. A cita foi no Centro Social Novacaixagalicia de Santiago, na praza de Cervantes, onde se reuniu a unha boa parte dos representantes galegos do sector, tanto procedentes do eido privado como do público. Esta vontade de cinguir mundos non foi casual. De feito, tal e como sinalaron os membros da Xunta, entre os que se contaba o presidente Alberto Núñez Feijoo, nunca antes se conseguira tal complementariedade público-empresarial arredor dun feito concreto: o pulo dixital do país.
Ao seu xuízo, a estratexia presentada polo Cluster, a súa folla de ruta, “casa á perfección” co equivalente do Goberno galego, a Axenda Dixital 2014.gal. Xa nun eido máis concreto, engadiu, este esforzo privado das nosas empresas para facernos máis competitivos nos mercados terá o seu axeitado complemento en iniciativas como a posta en marcha dunha factoría de emprendedores TIC ou no establecemento dun marco común de financiamento ao sector aplicable xa dende 2012. A maiores, dixo, levaranse a cabo actuacións de aliñamento entre as necesidades tecnolóxicas do sector público e os sectores produtivas e a oferta tecnolóxica do sector TIC. Estas e outras medidas desenvolveranse ao acubillo da devandita Axenda Dixital 2014.gal, unha estratexia que achega un investimento de 900 millóns de euros e que se dirixe en parte a consolidar a presenza do sector TIC no noso PIB, onde se agarda que pase a representar o 6% do total.

Rafael Valcarce encargouse de facer a presentación do Plan Estratéxico do Cluster TIC de Galicia

Volvendo á presentación do Plan Estratéxico do Cluster TIC de Galicia (en liña xa para quen queira ver as súas liñas xerais e específicas, en formato PDF), dicir que foi abordada por Rafael Valcarce, presidente da plataforma empresarial galega, quen comezou a súa intervención facendo referencia á idea orixinal que alentou a posta en marcha do Cluster: a confianza dos nosos profesionais no poder modernizador das tecnoloxías da información.
Ao seu xuízo, as TIC presentan demostradas capacidades para a o incremento da competitividade, o desenvolvemento sustentábel, a riqueza e a xeración de emprego. Porén, malia o moito que as novas tecnoloxías significan para o impulso do país, aínda quedan moitas eivas que solucionar. De feito, dixo, agás contadas excepcións, na nosa terra non estamos capacitados para competir. Neste senso, “o plan é un acto de rebeldía”, comentou, “contra un feito que non damos superado, a fenda dixital, contra a conxuntura económica negativa na que estamos mergullados e o minifundismo empresarial que nos aqueixa”. Neste senso, a folla de ruta presentada este mércores é un programa pormenorizado de múltiples accións complementarias e colectivas arredor dun obxectivo común: a superación das devanditas eivas.
O seu alicerce natural, de feito, é o mesmo có do Cluster TIC: a cooperación. Isto foi aplicable ao desenvolvemento da folla, na que houbo comunicación e colaboración activa con todos os integrantes da plataforma, e tamén á súa posta en aplicación, que xa deu comezo. A elaboración do plan baseouse tamén noutros piares-obxectivos: o pulo ao traballo en rede entre empresas, á innovación e á creación da marca de país. Asemade, quíxose que fose práctico, valorable en todo os seus parámetros e que respondese punto por punto á realidade da nosa terra. A súa misión básica, en definitiva, é axuntar, coordinar e dinamizar esforzos a prol da competitividade, a saída aos mercados internacionais e a cooperación coas administracións e coas empresas.

PUBLICIDADE