O xogo para PC Dragon Age: Origins ofrécese de balde por tempo limitado

xoves, 9 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro 20 de novembro Electronic Arts lanza o xogo de rol Dragon Age: Inquisition, desenvolvido por BioWare, e para instar a novos xogadores a introducirse neste universo fantástico até o vindeiro martes ofrece dentro do programa Invita la casa o xogo Dragon Age: Origins, valorado en 9,95 euros e que é un bo xeito de iniciarse nesta franquía iniciada en 2009 e que en 2011 conseguiu consolidarse con Dragon Age II.
Con este tipo de promocións Electronic Arts pretende instar aos xogadores a instalar a súa plataforma de xogos en liña, Origin, e tamén busca achegar unha experiencia de xogo completa como unha alternativa máis efectiva que realizar unha limitada versión de demostración do novo xogo, pois confían en que os usuarios que boten unha partida á primeira entrega da saga gocen tanto da mesma que queiran facer un achegamento á súa produción máis moderna, confiando nas súas moitas melloras técnicas e xogables, propias de cando un xogo vai evolucionando en función das demandas do público.

Dragon Age: Origins está durante uns días dentro da promoción Invita la casa de Origin

PUBLICIDADE