O xogo galego A Gran Evasión, valorado como unha das mellores aventuras do ano

martes, 10 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

A Gran Evasión, o terceiro episodio da saga AR-K (desenvolvida polo estudio galego Gato Salvaje), situouse na cabeza da clasificación dos mellores videoxogos españois de 2015. Máis polo miúdo e segundo nos contan dende o estudio da Coruña, A Gran Evasión é a aventura gráfica do ámbito estatal mellor valorada deste ano 2015. Isto extráese das opinións vertidas en páxinas especializadas no sector, como por exemplo DeVuego ou Metacritic. O xogo en cuestión, como lembraremos, foi lanzado en xullo contando para o seu desenvolvemento co apoio da Xunta a través da sociedade xestora XesGalicia.
Polo que respecta ás valoracións envorcadas na web de Metacritic, que recompila comentarios dos principais medios especializados en videoxogos do mundo, ARK-A Gran Evasión conta cunha nota media de 78 puntos sobre 100, “máis que ningún outro título desenvolvido no ámbito estatal durante o ano pasado”, sinalan os integrantes dos estudios coruñeses, que engaden que “o mesmo acontece coa base de datos de DeVego”, portal especializado nos videoxogos españois, onde a aventura gráfica galega ten unha nota media de 80 sobre 100, sendo a mellor valorada de 2015.
Segundo fan saber dende Gato Salvaje, a devandita relación de éxitos vai ter continuidade en datas vindeiras. De feito, din, a aventura gráfica ten posibilidades de rematar o ano “entre as dez aventuras gráficas mellor valoradas do ano en Metacritic, a nivel mundial”. En opinión dos responsábeis do estudio coruñés, un dos puntos máis salientábeis da andaina no mercado de A Gran Evasión é o feito de que compite, de igual a igual, con títulos internacionais con orzamentos “dez ou vinte veces superiores”, é o caso de Broken Age, Tales from the Borderlands ou Game of Thrones.
Lembrar que para este terceiro capítulo, os desenvolvedores do xogo contaron coa colaboración do guionista Greg Rucka, coñecido polo seu traballo para Marvel e DC Cómics, que achegou “un extra de calidade ao argumento e aos personaxes”. A saga de Alicia van Volish, a protagonista de AR-K, pecharase cun cuarto episodio, que aparecerá a finais de 2016.
Por certo que para celebrar estes bos resultados, A Gran Evasión poderá adquirirse até o domingo a un prezo reducido en Steam, o portal de comercialización de videoxogos do mundo.

PUBLICIDADE