O xogo español Zack Zero chega á PlayStation Network

xoves, 12 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Este mércores chegou á PlayStation Network por 12,99 euros o xogo Zack Zero, obra do estudo español Crocodile Entertainment, fundado por Carlos Abril (creador de PC Fútbol) e Alberto Moreno, ambos involucrados en compañías tan relevantes como Dinamic Multimedia e FX Interactive entre outras.
Zack Zero é unha aventura de acción e plataformas con gráficos 3D e xogabilidade clásica, na que o heroe terá que salvar á súa amada Marlene, raptada polo malvado Zulrog para intercambiala por kelestinia (material co poder de permitir viaxar no tempo). Para iso haberá que percorrer territorios salvaxes da superficie do planeta de Zulrog, introducirse na base inimiga e percorrer escuaras e misteriosas cavernas, ata rescatar a Marlene e acabar cos plans do antagonista.

O xogo conta cunha grande variedade de inimigos

O xogo conta con ata 30 inimigos diferentes coma vermes xigantes, droides de combate, sapos con forma humana, golems de pedra e escaravellos xigantes, aos que haberá que derrotar facendo uso dos poderes que achega o traxe de nanotecnoloxía de Zack Zero, de xeito que será posible prender lume aos inimigos, conxelar o tempo ou converter os puños en roca para superar os distintos retos.
En Zack Zero non falta o humor, a posibilidade de compartir as nosas puntuacións en liña e mesmo unha dobraxe ao español con voces profesionais como a de Lorenzo Beteta (quen habitualmente encarna a personaxes como Fox Mulder en Expediente X).


Trailer do xogo español para PS3 Zack Zero

PUBLICIDADE