O xogo español Deadlight sae á venda este mércores para Xbox 360

luns, 30 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Xa case está aquí. O vindeiro mércores o Bazar de Xbox LIVE vai incorporar ao seu catálogo o xogo para Xbox 360 Deadlight, unha produción do estudo madrileño Tequila Works que conseguiu colarse no Summer of Arcade de Microsoft (que en pasadas edicións contara con xoias como Limbo e Shadow Complex, que parecen ter inspirado a este título español) e que poderá adquirirse por 1.200 Microsoft Points (14,4 euros).
Deadlight métenos na pel de Randall Wayne, un personaxe que deberá sobrevivir nun ano 1986 alternativo no que o mundo foi afectado por unha especie de praga zombi. Na súa aventura o personaxe tamén busca atopar á súa muller e á súa filla, contándose tal historia dun xeito moi cinematográfico e fuxindo da mecánica habitual dos xogos con mortos viventes ou infectados, pois nesta ocasión procuraremos correr, saltar, rodar... ou sexa, fuxir sempre que sexa posible da ameaza dos infectados.
Tamén haberá humanos non infectados que atacarán a Randall Wayne, pois detrás desta aventura tamén haberá misterios que resolver e unha trama que desenredar.
A estética deste xogo tamén é rechamante, centrándose a acción en siluetas sobre un fondo pouco definido, creando unha atmosfera única durante as 5 horas que pode transcorrer a acción. Cómpre destacar que o xogo xa está a recibir boas críticas, que o cualifican como un dos mellores títulos de Xbox LIVE Arcade do ano.


Trailer de lanzamento de Deadlight

PUBLICIDADE