O xogo de realidade aumentada de Google, Ingress, comeza a ter usuarios a través de convite

martes, 29 de xaneiro do 2013 Redacción

Logo dun mes de espera, xa hai quen anda a remexer (previo convite autorizado) no xogo de realidade aumentada de Google chamado Ingress, unha proposta que, polo que se conta na Rede, vén rodeada dun veo de misterio (perfectamente calibrado e desenvolvido) que, lonxe de facer que esmoreza o interese, bota leña ao lume. Esta escura información sobre o xogo, que como dixemos só está operativo con convite, e botando man do sistema Android, consolidouse o ano pasado a través de varios factores a ter en conta. Como por exemplo o argumento do propio xogo, que nos remite a obras de ciencia ficción de espírito crítico co presente no que se inspiran, neste caso facendo referencia a cuestións actuais sobre o poder e a súa relación coas fontes de enerxía, pendentes de resolución.
No argumento, de feito, hai un grupo de científicos que descobren unha nova fonte de enerxía que podería significar a solución para o vindeiro desenvolvemento do planeta, unha vez remate o abastecemento de combustíbeis fósiles tradicionais. O problema, o miolo da cuestión, é que a dita enerxía é de importante conservación para os cidadáns agrupados na facción Resistencia, sendo perfectamente explotábel para os chamados Iluminados.
Volvendo á repercusión que está a ter o xogo, dicir que aínda non se sabe a ciencia certa de cantas persoas estamos a falar. O que si se sabe é a maioría provén de EE UU e países de Europa como Reino Unido, Alemaña ou Francia. Pero, en que consiste este xogo e como podemos tirarlle partido? Pois o que se require, ademais do convite, é termos un móbil con Android. Logo, teremos que saír da nosa casa en clave de aventura, buscando de onde sae e onde se empraza o abastecemento da dita enerxía. Polo tanto, estamos ante un xogo que require da nosa participación activa e que, a diferenza dos que xa coñecemos, non nos obriga a interactuar con el dende o noso fogar, senón todo o contrario (influencias dos xogos de rol). A partir de aí, unha vez fóra, teremos que ir recollendo obxectos, conquistando territorios e acadando aliados. Trátase dun tirapuxa internacional, polo que poderemos (e deberemos) establecer ligazóns cos outros usuarios, elaborando métodos ou preparando novos pasos a seguir. O xogo, por certo, dispón dun complemento de seu na páxina web Niantic Project, que achega pescudas e sinais sobre os acontecementos presentes e vindeiros e dáse información sobre os personaxes. Todos os meses, ao abeiro desta web, amosarase unha misión a seguir, podéndose consultar cada día. Google asegura contar, neste senso, cun argumento para un ano ou máis.

PUBLICIDADE