O xogo de The Walking Dead estrea a súa segunda tempada

martes, 17 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Numerosas publicacións consideraron que o xogo do ano 2012 foi o título episódico de Telltale Games baseado no cómic de Los Muertos Vivientes, e para continuar a colleitar éxitos estrean hoxe en Steam a un prezo de 22,99 euros a segunda tempada de The Walking Dead, secuela na que continuaremos a historia de Clementine, cativa orfa que terá que valerse nun mundo ateigado de mortos viventes e que terá que tomar complicadas decisións para sobrevivir.
Polo momento só podemos descargar o primeiro dos 5 episodios que comporán esta tempada que promete ser máis arrepiante que a anterior, por encarnar o xogador a unha moza en vez de ao adulto que protagonizaba a anterior tempada. O xogo chegará tamén esta semana a PlayStation 3, a Xbox 360 e incluso a iOS, contando con moitas bazas para converterse nun dos grandes éxitos do ano, aínda que nesta ocasión terá que convivir con outras aventuras de Telltale, como a adaptación do cómic Fábulas e, dentro duns meses, un xogo inspirado na serie Juego de Tronos, polo que posiblemente teña que compartir os seus froitos cos seus títulos irmáns.

PUBLICIDADE