O xogo de Masacre estrea versión para consolas de nova xeración

martes, 17 de novembro do 2015 Marcus Fernández

En febreiro do ano que vén vai chegar aos cines o filme de Masacre, violento e hilarante personaxe da Marvel que en 2013 estreara videoxogo para PC, Xbox 360 e PlayStation 3, e que para curiosamente hoxe rexorde para aproveitar o pulo cinematográfico con versións para Xbox One e PlayStation 4, que están á venda por 49,99 euros (para poder descargar o xogo para PS4 haberá que agardar ao vindeiro día 20), mentres que a versión para PlayStation 3, que no mes de xullo volveu á PlayStation Store, está agora de oferta a só 20 euros.
Este xogo desenvolvido por High Moon Studios está así de volta con gráficos mellorados, pero conservando todas as súas características iniciais: humor desmedido, violencia extrema (o xogo non está recomendado para menores de 18 anos), aparicións de numerosos personaxes da Marvel (principalmente da Patrulla X), variadas armas (dende katanas até explosivos) e toda unha chea de detalles que cativarán aos seareiros do personaxe de banda deseñada.

Tráiler da versión de Xbox 360 do xogo de Masacre

PUBLICIDADE