O xogo The Walking Dead terá edición especial en decembro

luns, 22 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos meses fomos dando conta dalgúns dos capítulos que compoñen a aventura de The Walking Dead en forma de videoxogo descargable, e agora que esta historia inspirada no cómic de Robert Kirkman achégase á súa fin anuncian que en decembro contará con edición física que nos EE.UU. xa ten confirmada unha edición especial distribuída a través das tendas de Gamestop en versións para Xbox 360 e PlayStation 3 por un prezo de 69,99 dólares cada unha e que inclúe o xogo cos seus 5 episodios en formato disco e un recompilatorio cos 48 primeiros exemplares do cómic de Kirkman (que suman máis de 1.000 páxinas) cunha portada exclusiva de Charlie Adlard.
Dado que a edición especial do xogo só pode adquirirse mediante reserva, descoñecemos se chegará a comercializarse en España, pero cómpre destacar que de editarse do mesmo xeito que nos EE.UU. sería unha promoción moi atractiva, pois o xogo completo custa en formato descargable entre 24 e 25 euros, e cada un dos tomos editados en España que recollen 24 números da obra da banda deseñada na que se inspira tanto este xogos como a serie de televisión homónima custan 40 euros, de xeito que o prezo de mercado total sería de 105 euros.

A edición especial do xogo pode reservarse nas tendas norteamericanas de GameStop

PUBLICIDADE