O videoxogo galego AR-K estrea o seu terceiro episodio

martes, 14 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O grande proxecto do estudio coruñés Gato Salvaje, a aventura gráfica AR-K, que conseguiu financiar o seu desenvolvemento en boa medida grazas a unha campaña de micromecenado que rematou con éxito hai un par de anos, continúa a avanzar pasiño a pasiño, e finalmente ven a luz o seu agardado episodio 3, AR-K: La Gran Evasión, que xa está dispoñible a través de Steam a un prezo de 7,19 euros (xa que até o 21 de xullo conta cun 10% de desconto como promoción de lanzamento), aínda que os usuarios que conten coas primeira entregas poderán facerse con esta última por 2,99 euros como recompensa á súa fidelidade.
Esta terceira entrega chega despois de que o xogo decidise volver sobre os seus pasos para modernizar as primeiras entregas, de xeito que puidesen incorporar as novidades técnicas das novas entregas e conseguindo así crear unha imaxe uniforme. Con este novo episodio vemos finalmente un importante salto de calidade, en boa medida grazas á incorporación do célebre guionista Greg Rucka, coñecido por estar detrás de grandes cómics de Marvel e DC, así como títulos independentes, facéndolle merecedor de 4 Premios Eisner, e que incluso é un dos encargados de levar á banda deseñada algunhas das historias de Star Wars que completan o universo cinematográfico.
O terceiro episodio de AR-K permítenos axudar a Alicia Van Volish a fuxir do Distrito 8 e descubrir a orixe dunha misteriosa Esfera Dourada nunha aventura chea de misterio, humor ácido, personaxes simpáticos e ciencia ficción. Na continuación da historia de Alicia gozaremos dunha experiencia de xogo mellorada, escenarios inéditos (con deseños que non se viron nos primeiros capítulos e que contan cun maior dinamismo) e tamén farán acto de presenza novos personaxes, ampliando o universo de AR-K para avanzar até a súa conclusión nunha cuarta entrega pola que deberemos agardar uns meses (antes é de agardar que poidamos ver como o xogo estrea tamén versión para dispositivos móbiles, plataformas nas que as aventuras gráficas están a gozar de boa acollida).


Trailer en inglés de AR-K: La Gran Evasión

PUBLICIDADE