O software do IET para pequenos establecementos hostaleiros, a disposición dos profesionais do Estado

xoves, 8 de novembro do 2012 Redacción

O Instituto de Estudos Turísticos de Galicia da Secretaría Xeral para o Turismo puxo este 5 de novembro o seu software para a xestión hostaleira en acceso libre para calquera profesional español do sector. A ferramenta, especialmente axeitada para os pequenos establecementos, está a disposición da comunidade na páxina web comparteiniciativas.es. Esta achega ten a súa orixe na adhesión de Turismo de Galicia á devandita web, unha ferramenta de intercambio de recursos tecnolóxicos en materia turística, pertencente á Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas.
A iniciativa tamén se debe ao convenio marco de colaboración asinado dende a entidade estatal co Goberno galego, cuxo obxectivo principal foi o de compartir coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico en beneficio do sector turístico, aforrando custos.
No software en cuestión, do que temos falado con motivo das súas primeiras presentacións e das súas postas en longo en Santiago e Vigo (entre outras cidades), tamén está dispoñíbel na web do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia. O seu obxectivo, como salientamos daquela, foi dende o comezo duplo: a mellora da calidade e a competitividade do sector turístico e a mellora do sistema de información estatística que posúe o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia.
Os principais beneficios que reportará aos hostaleiros este software de acceso libre”, informa o instituto galego, serán os seguintes: “Contar cun sistema de xestión sen realizar un desembolso económico porque non require pago de licencias e non ter restricións para a súa modificación, porque é un sistema de código aberto que permite ao hostaleiro adaptar o dispositivo ás necesidades específicas da súa empresa”.

PUBLICIDADE