Turgalicia presenta en Santiago o seu software aberto para mellorar a xestión dos nosos hoteis e pensións

martes, 17 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Carmen Pardo presenta o software aos hostaleiros de Santiago de Compostela

Turismo de Galicia, Turgalicia, vén de complementar a súa oferta TIC para o sector hostaleiro cun programa encamiñado a mellorar e optimizar o día a día dos nosos pequenos establecementos hostaleiros, programa que xa avanzamos nesta web hai unhas semanas con motivo das primeiras xeiras de presentación. O software, desenvolvido polo Instituto de Estudos Turísticos (IET) salienta en boa medida polo seguinte: é libre, é de balde, é pioneiro no panorama estatal, é compatíbel con outros sistemas e, tal e como sinalan dende Turgalicia, é útil. Pero ademais, resulta especialmente adaptábel a todo tipo de realidades, tal e como amosa o interese amosado na ferramenta por entidades e organizacións do sector, que xa se puxeron en contacto co organismo galego para procurar tirarlle partido.
A ferramenta, máis polo miúdo, xorde co obxectivo de facer o máis doado e rendíbel posíbel o día a día dun negocio hostaleiro. No seu punto de mira están os máis de 2.000 negocios hoteis e pensións que operan na nosa terra segundo o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas. A idea é achegarlles xestión profesional, especialmente operativa, a aquelas entidades que aínda carezan de dispositivos e recursos TIC axeitados para o seu traballo cotián. Baixo este volume de tarefas, insírense, para facernos unha idea, labores como realizar reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes; procurar e modificar esas reservas ou facturas apropiadamente en función das características de cada pensión e de cada cuarto dispoñible; obter informes de xestión e plannings semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza, de todo o equipo laboral.
A secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, foi a encargada de presentar en Santiago hoxe a devandita ferramenta. Dela salientou que grazas aos recursos que pon en xogo, os pequenos establecementos turísticos galegos poderán ser xestionados como as empresas fundamentais que constitúen para o tecido turístico da nosa comunidade. Segundo dixo, neste proxecto únense dous obxectivos básicos que son a mellora da calidade e a competividade do sector turístico e mais a mellora do sistema de información estatística que posúe o IET de Galicia.
Na presentación do programa fixo acto de presenza, tamén, a secretaria xeral de Estatísticas de Empresa do Instituto Nacional de Estatística, Elena Rosa Pérez, quen destacou o seu carácter de proxecto pioneiro no Estado.
Segundo explicou despois a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, os obxectivos marcáronse en función dunha dobre necesidade que se detectou: “Por unha parte a precisada polo propio sector hoteleiro de Galicia, que manifestou as dificultades que tiña á fronte dos seus negocios para a introdución de novas tecnoloxías de xestión ante a inexistencia dunha aplicación operativa; e pola outra a manifestada pola propia Administración Turística, que recolleu no seu Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 como prioritario o apoio ás empresas na aplicación de tecnoloxías para o propio desenvolvemento –actuación 33 das 56 que conforman o plan-“.
O software, como dixemos de acceso libre, está sendo presentado nas principais cidades galegas aos membros do sector turístico que poderán presenciar unha clase práctica para aprender a empregalo e aplicalo nos seus negocios. “Os principais beneficios que reportará aos hostaleiros serán: contar cun sistema de xestión sen realizar un desembolso económico porque non require pago de licencias e non ter restricións para a súa modificación, porque é un sistema de código aberto que permite ao hostaleiro adaptar o dispositivo ás necesidades específicas da súa empresa”, explica Turgalicia.
Ademais, engade, é un código independente do sistema operativo que posibilita a xestión de todo o ciclo de vida da reserva, dende que o cliente chama ata a facturación final. “É sinxelo, áxil e intuitivo no uso, polo que se aprende axiña, e facilita a coordinación con diferentes entidades e organismos estatísticos”, engade o organismo galego.
O programa, ademais, ten potencial para atesourarmos datos de valor sobre os gustos, tendencias e preferencias dos viaxeiros que cheguen á nosa terra. De feito, en virtude da aplicación no seu seo deste software, os locais xerarán datos sobre a dita cuestión que serán enviados tanto ao Instituto Nacional de Estatística –semanal e mensualmente-, como á Policía Nacional, que recibirá cada entrada nos establecementos. A recollida de información, engade Turgalicia, axustarase xa dende o inicio aos estándares de envío de ficheiros destes dous organismos, un método que permitirá obter datos máis fiables, previndo erros na escrita ou na dixitalización dos datos, pois extraerá directamente a información do sistema de xestión.

PUBLICIDADE