O shooter en primeira persoa Evolve pasa a ser de balde

xoves, 7 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A primeiros do ano pasado chegou ao mercado o prometedor xogo Evolve, que pese a ter unha recepción bastante boa a nivel de crítica, non conseguiu a resposta comercial esperada, de xeito que dende Turtle Rock Studios decidiron adoptar unha medida desesperada para intentar salvar o seu produto, e hoxe relanzan Evolve como un xogo free-to-play, que xa podemos descargar de balde a través de Steam, para así poder participar nas súas curiosas partidas de 4 soldados contra 1 monstro, todos controlados por usuarios, proposta un tanto distinta do habitual á que agora haberá máis que lle dean unha oportunidade por non ter que realizar ningún desembolso para facerse co xogo e incluso será posible desbloquear de balde todo o contido do xogo, de xeito que as compras dentro da aplicación son totalmente opcionais.
Dá a impresión de que dende Turtle Rock buscarán rendibilizar o xogo vendendo principalmente a personalización estética dos personaxes, como acontece con outros xogos que optar por este camiño en vez do criticado pay-to-win. Polo momento o estudio de videoxogos parece máis centrado en renovar o xogo e ofrecer suficientes detalles como para volver a captar a atención dos xogadores.
Polo momento o xogo é de balde para PC, no que consideran unha fase beta que unha vez superada facilitará que tamén dean o salto ao modelo free-to-play as versións para Xbox One e PlayStation 4 deste xogo que entra no moi competitivo mercado do free-to-play.

Tráiler da versión para PC de Evolve que vén de publicarse como free-to-play

PUBLICIDADE