O servizo de streaming de xogos PlayStation Now podería ter uns prezos demasiado elevados

venres, 20 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Cando Sony presentou o servizo PlayStation Now como unha solución para facilitar o uso de vellos xogos en novas plataformas empregando a tecnoloxía de streaming adquirida a Gaikai, o servizo parecía prometedor, pero agora que inicia a súa beta privada nos EE.UU. comezan a xurdir críticas ao mesmo, que non veñen do lado do lag ou a calidade de imaxe, senón dun factor que podería ser moito máis importante de cara á súa aceptación pública: o prezo.
O novo servizo que está a probarse na PS3 e PS4 (máis adiante chegaría tamén a consolas portátiles, dispositivos móbiles e televisores conectados), aínda que non deixa de ser unha versión de proba (polo que no seu lanzamento comercial podería non responder ao que se está a ver agora), sorprendeu moi negativamente ao fixar o aluguer de xogos como Final Fantaxy XIII-2 (lanzado en 2012) por 4,99 dólares por 4 horas, 7,99 dólares por 7 días, 14,99 dólares por un mes e 29,99 dólares por 3 meses, prezos que claramente resultan abusivos se temos en conta que é doado atopalo en establecementos físicos por uns 15 euros.
Algo semellante acontecería co xogo Guacamelee!, que aínda que é moito máis barato (parte de 2,99 dólares por 4 horas e chega a 14,99 dólares por 3 meses), tendo en conta que pode mercarse por 12,99 euros en PSN resulta moi difícil xustificar o seu aluguer de longa duración (ao que tampouco axuda que estes días en PC poida mercarse por 5,19 euros e incluso formou parte dun Humble Bundle o pasado febreiro, polo que puido mercarse por pouco máis de 3 euros xunto con máis títulos).
Dado que aínda falta para o lanzamento final de PlayStation Now, aínda non podemos saber cales serán os prezos finais do servizo, pero parece evidente que este non vai callar na poboación se non ofrece unha estrutura de prezos máis asumible ou algún tipo de servizo de subscrición que por unha cota mensual permita gozar do groso do seu catálogo sen limitacións.

PUBLICIDADE