O responsábel TIC da Comisión Europea intervén este mércores no curso de eAdministración da EGAP e o CPEIG

martes, 11 de xuño do 2013 Redacción

Francisco García Morán, director xeral de Informática da Comisión Europea, ofrece este mércores unha conferencia sobre a organización das Tecnoloxías da Información (TI) na Administración da que forma parte, no marco do terceiro Curso Superior de Administración Electrónica, convocado pola EGAP en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A sesión maxistral Contexto político e organización das TI na Comisión Europea comezará ás cinco da tarde no salón de actos da dita escola, en Santiago de Compostela, con entrada libre e de balde. Na súa intervención, García Morán abordará aspectos tan actuais como as axendas dixitais, a seguridade, a interoperabilidade e os datos abertos, entre outras cuestións.
Tras a participación do especialista en Dereito e Internet Pablo García Mexía, e do letrado da Xunta Rafael Millán, a conferencia de mañá é xa a terceira sesión maxistral que se ofrece no marco do Curso Superior de Administración Electrónica. A actividade formativa está dirixida polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e ten unha duración de 114 horas, das que 84 son teóricas e 30, prácticas. O obxectivo é afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración Electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións.
Os destinatarios do curso, dun máximo de 50 prazas, son empregados públicos de Galicia, tanto da administración autonómica como local e de xustiza, e das universidades do sistema universitario da comunidade, así como persoal contratado polas administracións públicas e os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

PUBLICIDADE