O proxecto Repoblar achega a banda larga ao rural pontevedrés mediante WiMAX

martes, 13 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Páxina web do proxecto RepoblarA Deputación de Pontevedra adxudicou a Iberbanda-Telefónica a extensión das redes sen fíos con tecnoloxía WiMAX dentro do proxecto Repoblar (Rede Pontevedra Banda Larga Rural) que bota a andar este meses e que antes de rematar o ano dará cobertura ao 96% da poboación dos 55 concellos adheridos ao plan, que poderá gozar a unha das ofertas de acceso á Internet máis baratas de España a través de dúas modalidades: acceso básico (1 Mbps/256 Kbps cun caudal garantido do 20%) e acceso avanzado (2 Mbps/512 Kbps cun 20% do caudal garantido) por 17 e 24 euros/mes respectivamente (mellorando os 19,95 e 36 euros que fixaba o prego do concurso para a subministración deste servizo). A estes prezos haberá que engadir unha cota de alta de 59 euros e carecen de compromiso de permanencia. A voz a través destas liñas fixa o seu prezo en 6 euros/mes.
Este proxecto que conta cun orzamento de 5.876.400 euros (IVE incluído) chegará a unha poboación de 436.281 habitantes repartidos en 55 concellos, dos que quedan fóra Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada, Marín, Redondela e Cangas, e aínda que a Deputación tutelará e supervisará o servizo, a comercialización do mesmo será competencia plena de Iberbanda, única compañía que presentou oferta á Deputación para a subministración deste servizo de comunicacións sen fíos.
Esta iniciativa estreitará a fenda dixital que separa o rural e o urbano, pois levar a banda larga a núcleos de poboación pouco densos resulta pouco rendible, de aí que as vilas e aldeas están tradicionalmente afastadas dos servizos de comunicacións de calidade, o que incrementa o seu afastamento das cidades tamén no tocante ás posibilidades de negocio, polo que este tipo de proxectos contribúen a paliar unha deficiencia histórica, coma fai no total da nosa comunidade o Plan de Banda Larga que presentou hai pouco a Xunta de Galicia.