A Xunta presenta o seu Plan de Banda Larga para a provincia de Pontevedra

mércores, 26 de maio do 2010 Redacción

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica investirá, a través do Plan de Banda Larga, 47,4 millóns de euros para que no 2013 un 96,95% dos habitantes da provincia de Pontevedra teñan acceso á Internet a través de redes fixas, sen fíos e de nova xeración e 3,05% restante mediante satélite segundo deron a coñecer hoxe aos alcaldes da provincia, nun acto de presentación no que tomaron parte Mar Pereira, secretaría xeral de Modernización, e Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra.
A día de hoxe un 21,7% dos habitantes da provincia non dispón de conexión á Internet de calidade e co desenvolvemento do Plan permitirase que xa no primeiro trimestre do 2011 a porcentaxe de poboación con cobertura de banda larga sexa do 87%.
A actuación da Deputación de Pontevedra, a través de Repoblar posibilitará que un 96% da poboación de 55 concellos da provincia accedan a Internet a través de redes sen fíos ao longo deste ano.
O Plan de Banda Larga contempla o despregamento de redes fixas que permitirán garantir a dispoñibilidade e o acceso a banda larga nos núcleos con maior demanda desatendida nas zonas carentes deste servizo a través de redes de alta capacidade.
Amais, incentivarase o desenvolvemento de Redes de Nova Xeración, con velocidades de 100 Mbps que chegarán ao 40% da poboación desta provincia. A cobertura completarase a toda poboación a través do satélite. O denominador común destas actuacións é a prestación dun servizo de banda larga de calidade, con velocidades de acceso superiores a 2Mbps, chegando a 100Mbps no caso de redes de nova xeración.
O plan prevé tamén un investimento de 7 millóns de euros para potenciar o despregamento da rede do operador público Retegal que servirá de base para a execución do proxecto Repoblar da Deputación de Pontevedra.