O primeiro xogo descargable baseado en Watchmen custará preto de 20 euros

martes, 3 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O venres chega aos cines a película Watchmen, baseada nunha serie limitada de comics de Alan Moore e Dave Gibbons, que tamén terán contrapartida no mundo dos videoxogos pero, en vez de chegar coma un produto en caixa, opta por un lanzamento episódico a través dos servizos de descargas das consolas de alta definición e PC, o que en boa medida contribúe a que o seu desenvolvemento estea máis coidado que na media dos xogos inspirados en películas.

O xogo para o iPhone pretende ser un MMO con perspectiva isométrica

O primeiro episodio do xogo será The End is Nigh, protagonizado polos personaxes Rorschach e Moucho Nocturno, e que vén de anunciar os seus prezos, que son moito máis elevados do que podiamos pensar, pois a versión de Xbox 360 venderase a 1.600 puntos (uns 19,2 euros) mentres que as versión para PC e PlayStation 3 custarán 19,99 euros. Este prezo está a ser moi criticado especialmente porque estamos ante só a primeira parte dun xogo, que de seguir con eses prezos rematará sendo máis caro que de venderse en tendas. O seu lanzamento é este mesmo mércores.
Pero este xogo de Deadline Games no que haberá que limpar as rúas dunha cidade en plan xusticeiro, no que se presenta coma unha precuela da película, non chegará so, pois paralelamente tamén aparecerá Watchmen: Justice is coming, un xogo para iPhone e iPod Touch que destaca especialmente por ser un título multixogador masivo en liña (MMO) no que podemos definir un personaxe a medida para percorrer escenarios en perspectiva isométrica cun milleiro de xogadores máis, loitar en combates estratéxicos, participar en chats ingame e moverse por 5 escenarios diferentes nos que haberá distintos obxectivos.
Para a creación deste título empregouse o motor cloudMMO de Last Legion, equipo de desenvolvemento que adiantou o que será este prometedor xogo para a canle norteamericana de televisión G4:

PUBLICIDADE