O primeiro Foro Galego da web 2.0 non esquecerá o sector da intervención social

xoves, 22 de setembro do 2011 Redacción

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 15 de outubro o Foro Unirede, organizado pola Asociación Adouspuntocero de Profesionais da Social Media de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Ciencias da Comunicación.
Os obxectivos principais da celebración deste foro son amosar os logros da web 2.0 en Galicia, expor as súas vantaxes e desvantaxes aplicadas a diferentes sectores económicos da sociedade e fomentar a interacción entre os diferentes actores da social media en Galicia. Un dos sectores presentes será o da intervención social, para iso cóntase coa participación de diferentes actores solidarios.
Ao foro estarán convidados os profesionais máis cualificados do sector nunha xornada dividida en dúas sesións, unha de mañá e outra de tarde. A sesión da mañá será sobre as Redes Sociais en xeral e contaremos coa participación de Fátima Martínez, consultora de Comunicación Estratéxica e Formadora en Social Media, e de destacados expertos galegos en medios sociais e blogueiros como David Serantes, José Luís do Campo Villares ou Juan José Romeu Crusat.
Abriremos a sesión de tarde con Casos de Éxito no 2.0 en Galicia: na Intervención Social, contaremos coa ONGD Enxeñería Sen Fronteiras como caso de éxito de xestión e presenza das Redes Sociais en Galicia. A continuación os asistentes traballarán en catro talleres temáticos de Turismo/gastronomía, Intervención Social, Comunicación e Industrias culturais. No taller de intervención social contarase coa presenza de empresas do ámbito socio-sanitario como AXFOGA, da intervención socio-comunitaria como é o caso XENEME. Así mesmo o sector profesional estará representado por David Saavedra, Traballador Social, blogueiro e Community Manager. Sen esquecer a ONGD Enxeñería Sen Fronteiras e como facilitador do taller Fidel Martín, consultor especializado en Xestión do Terceiro Sector.
Tamén levarase a cabo un bussines meeting point, onde será posible expor novas ideas de negocio ao redor da web 2.0 co fin de atopar financiamento ou axuda dos chamados bussines partners.
As inscricións ao Foro Unirede realizadas antes do 30 de setembro contan cun desconto sobre o seu prezo (podendo optar estudantes, parados, socios de Adouspuntocero, membros da Asociación de Hostalería de Compostela e socios de Proturga cunha cota reducida).

PUBLICIDADE