O polbo Paul estrea aplicación non oficial para iPhone

xoves, 15 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Durante o Mundial de Fútbol un octópodo alemán chamado Paul acadou sona internacional ao exercer de adiviño atinado no resultado dos encontros da súa selección patria e tamén da final, o que inspirou unha aplicación para iPhone que busca axudar aos indecisos a escoller entre un par de opcións que poden personalizar. Así, os usuarios que adquiran por 0,79 euros a aplicación Ask the Octopus (Pregunta ao polbo) poderán definir dúas opcións (¿carne ou peixe? ¿praia ou montaña? ¿cine ou teatro?) para que un polbo virtual decida por eles de xeito aleatorio.
Este produto de uTouchLabs para iPhone/iPod Touch non parece ser moi útil, pero o seu prezo reducido pode facer que moitos o adquiran a xeito de broma, o que promete xerar uns ingresos bastante doados, aínda que para saber se vai ser ou non un éxito sempre poderemos preguntar ao polbo Paul.

PUBLICIDADE