O operador galego R métese na telefonía móbil

martes, 13 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A nova da incursión do operador galego R na telefonía móbil a partir do último trimestre deste ano foi unha das informacións do eido tecnolóxico que máis expectación xerou esta semana na nosa terra. É dicir: que unha empresa galega se lance a competir con Movistar ou Orange non é algo que aconteza tódolos días (con Vodafone semella que non vai competir de xeito directo, xa que vén de asinar un acordo coa operadora que lle permitirá a R ofrecer servizos móbiles pero con unha rede propia). O caso é que xa sabemos o volume de cartos que a firma galega vai investir a medio prazo nesta nova liña estratéxica: 60 millóns de euros, encamiñados concretamente a dispoñer do abano de servizos de telefonía móbil e habilitar a infraestrutura para achegar mensaxes (SMS e MMS) e conexión á Rede.
Tamén se sabe que R moverá ficha no mercado da mobilidade combinándoa con outros produtos da casa e ofrecéndoos en paquetes nas portas dos nosos fogares. Por exemplo: con internet de alta velocidadade, televisión dixital multicanle ou telefonía fixa. O que pretende é a empresa galega é cubrir o máximo posible o escenario do mercado das telecomunicacións para os clientes galegos, “facendo máis doado o acceso á Sociedade da Información e simplificando o pago das facturas”.
Entre as novidades presentadas esta semana, tamén cómpre salientar a inminente posta en marcha de tarifas combinadas de datos en banda ampla e 3G para empresas e profesionais.
Situación actual e previsións da empresa
· Na nosa terra, a rede de R ten xa unha cobertura de 578.644 fogares e empresas, sendo 1.200.000 as persoas que poden recibir os servizos potencialmente. Os domicilios e oficinas clientes de R eran 199.467 ó peche de 2006.
· A gran previsión da empresa é chegar ó 60% dos galegos nun prazo de dous anos. Neste senso, o investimento acumulado do operador en Galiza sitúase a rendes dos 700 millóns de euros. Así, segundos datos da firma galega nun informe recente, ás trinta localidades que xa teñen rede de fibra óptica e servizos de R (en 2006 foi habilitada en once concellos), a empresa galega vai sumar en 2007 outras dez: Lalín, Ponteareas, Sanxenxo, Moaña, Bueu, Cedeira, Ordes, As Pontes, Chantada e Xinzo de Limia.

PUBLICIDADE