O operador galego Democom comeza en Rianxo a súa xira de presentación por 50 concellos

martes, 23 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Democom, novo operador galego posto en marcha para dar máis cobertura á nosa terra nos eidos das redes e das telecomunicacións, estase dando a coñecer estes días pola vía do dixital (mediante a súa web, e-mails de convocatoria, etc) e, sobre todo, a través dun itinerario de presentacións e actividades varias que vai levar á compañía por unha chea de recantos das nosas catro provincias. O dito road-show, que comeza hoxe no centro de Rianxo ás 11.30 horas logo das sesións piloto da semana pasada en Chantada e Santa Comba, tamén incluirá unha serie de demostracións prácticas dirixidas a dar conta dos servizos que achega a empresa galega. Estes, sobre todo encamiñados ao eido profesional, e máis polo miúdo ás institucións locais (todo o que atinxe ás comunicacións nos concellos), están baseados en tecnoloxía DMR, estándar ETSI do que xa temos falado nesta mesma web para informar dos primeiros pasos de Democom.

A tecnoloxía de Democom está especialmente destinada para o seu uso por servizos de emerxencias

Sinalar que a compañía galega, que é aliada de Motorola (propietaria da dita tecnoloxía DMR), estivo hai meses en Roma e Hong Kong para presentar Demosat, un servizo de posicionamento posto en marcha con Satdata que permite ver en tempo real o sitio exacto de todos os terminais dos usuarios da rede sobre unha cartografía.
Por certo que logo de Rianxo, está previsto que o percorrido da firma pola nosa xeografía abranga até 50 concellos, entre os que se contan estes que sinalamos a continuación: Carballo (o día 24 de setembro), As Pontes (o 30 de setembro), Narón (1 de outubro), Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras, Allariz, Monforte, Sarria, Ribeira, Vilagarcía e Verín, amais das sete principais cidades galegas: A Coruña, Vigo, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Ourense.
O obxectivo desta xira de Democom, operador impulsado polas firmas galegas ITC e Demotecnia, é mobilizar a meirande cantidade de recursos, tanto dende o punto de vista humano (con dous técnicos e tres enxeñeiros que darán conta das utilidades do sistema) como tecnolóxicos (con cinco equipos portátiles, unha unidade de telecomunicacións transportable de emerxencias e outra de traballo que se situará no centro das vilas que se visiten e que fará de posto de control).

PUBLICIDADE