Tecnoloxía galega en Roma e Hong Kong

mércores, 28 de maio do 2008 Raquel Noya

O operador galego de radiocomunicacións dixitais profesionais vinculado ó Grupo ITC, Democom, vén de presentar en Roma a súa solución de localización Demosat. A cita foi no congreso que organizou a compañía Motorola coa finalidade de reunir ós “mellores colaboradores tecnolóxicos de todo o mundo”.
Democom, que é Professional Radio Application Partner de Motorola, foi convidado pola multinacional para mostrar o funcionamento do seu operador de radicomunicacións dixitais profesionais que opera en Galicia sobre tecnoloxía DMR (da que temos falado con motivo da súa presentación na nosa Comunidade) así como para presentar Demosat, unha das solucións que o operador galego lle ofrece na actualidade ós seus usuarios.
Esta ferramenta, que foi desenvolvida en colaboración con Satdata Telecom (outra das empresas do Grupo ITC), é un servizo de posicionamento que permite ver en tempo real a ubicación exacta de tódolos terminais dos usuarios da rede sobre unha cartografía.
Ó igual que Democom, Demosat basea o seu funcionamento en tecnoloxía DMR, o que as convirte, segundo os seus creadores, “en solucións pioneiras a nivel mundial”.
A presenza en Roma serviulle a Democom para iniciar contactos con outras empresas do sector, como a húngara Fercom ou a Finlandesa Zenitel.
Agora, ámbalas dúas compañías atópanse en Hong Kong, asistindo ó Tetra World Congress, o congreso sobre tecnoloxía Tetra “máis importante do mundo”, onde están dando a coñecer as súas solucións Tetra e DMR con vistas a colaborar con outros fabricantes internacionais nun futuro próximo.
Na imaxe, Xosé Antonio Ferreira e Brandán Hermo no Tetra World Congress.

PUBLICIDADE