O novo portal da Xunta permitirá levar a cabo máis de 400 procedementos

mércores, 13 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Méndez Romeu, presentando no pleno do Parlamento o convenio de colaboración autonómica en materia de administración electrónica entre a Xunta de Galicia e a Junta de Andalucía

Unha das medidas presentadas este martes polo conselleiro de Presidencia (na imaxe) en relación á aposta deste departamento pola Administración Electrónica ten que ver co deseño dun novo portal corporativo da Xunta que sería unha ampliación do actual pero con máis e meirandes funcións, tanto para os cidadáns como para o persoal interno. A idea é subir un chanzo máis na procura dunha comunicación máis plena entre uns e outros e apoiada no dixital.
En definitiva, o que se procura é falar dunha situación real de Administración Electrónica galega na que todo o que atinxe á relación da sociedade coas institucións autonómicas poida ser presentado e desenvolvido na Rede. As medidas de Presidencia, das que falamos nesta web, foron presentadas con motivo dun acordo de colaboración coa Junta de Andalucía neste eido do dixital.
O novo portal, que sería un dos proxectos estrela deste feixe de iniciativas, faría posible realizar máis de 400 procedementos administrativos e sería a porta de entrada principal ós distintos espazos web da Xunta, arredor de 120.
Amais de todo isto, a idea é que a nova plataforma sirva para darlle un aire diferente á información, ou máis propiamente á presentación da mesma, poñéndoa sempre en ligazón estreita cos intereses dos cidadáns, segundo sinalou o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu.
Engadiu que o novo portal fará posible tramitar de xeito telemático trámites de nivel 3 (como dixemos, até 400), que é a etiqueta que emprega a Unión Europea para designar un nivel de Administración Electrónica que vai alén do meramente informativo e que posibilita tramitación, axilidade na xestión, seguridade e confidencialidade.

PUBLICIDADE