A Xunta colaborará con Andalucía en materia de e-Administración

martes, 12 de febreiro do 2008 Raquel Noya

O Parlamento de Galicia vén de ratificar por unanimidade a sinatura dun convenio de colaboración autonómica en materia de Administración Electrónica entre a Xunta e a Junta de Andalucía.
O devandito acordo aborda principalmente o desenvolvemento e o impulso da comunicación dixital en áreas como a mellora dos procedementos administrativos, a través dunha ferramenta interna para estes, con ferramentas de tramitación electrónica, xestión de expedientes e servizos software que lles permitan aos órganos xestores o desenvolvemento das súas aplicacións.
O conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu, indicou que se busca o pulo da interoperabilidade e a integración dos servizos baixo criterios de unidade e sinalou exemplos como o 012 e a web Portal do cidadán.
Grazas á implantación deste novo sistema de xestión de procedementos e á interconexión coas institucións do Estado a través da conexión Sara co Ministerio de Administracións Públicas e da implantación do 012 como verdadeiro portal do cidadán, a Xunta está a acadar un modelo de xestión unificada útil que non tiña acadado ata o de agora.
Méndez Romeu tamén salientou que o devandito convenio persegue aproveitar o investimento que Andalucía ten feito en materia de desenvolvemento de servizos software e de aplicacións para a xestión de procedementos administrativos “que son especialmente notables nesa comunidade”.
Este impulso podería servir, no caso de Galicia, “para fomentar a cooperación na Administración Electrónica coa administración local galega”.
Nos vindeiros meses, a Xunta vai actuar a través de diversas liñas, como o servizo 060 (para que funcione como un portelo único) ou o 012 (como único sistema de información telefónica da Xunta e plataforma de contacto cos cidadáns para responder a calquera información relativa ás administracións públicas) e o novo portal corporativo (en proceso de licitación) que permitirá orientar ós cidadáns e ofrecer información dun xeito non baseado na estrutura orgánica da propia administración, senón nos feitos relevantes para os cidadáns.

PUBLICIDADE