O novo Shaq Fu ve a luz para PlayStation 4

martes, 3 de abril do 2018 Marcus Fernández

Un dos xogos de loita máis curiosos que puidemos ver en Mega Drive e Super Nintendo foi o Shaq Fu de 1994, protagonizado polo xogador de baloncesto Shaquille O’Neal, que estaba considerado como un dos peores do se xénero, o que non impediu que Big Deez Productions quixese aproveitar a marca para desenvolver un novo xogo de loita de Shaq, para o que organizaron con éxito unha campaña de micromecenado en 2014 que por fin ve os seus froitos, xa que nas últimas horas apareceu o xogo Shaq Fu: A Legend Reborn para PlayStation 4.
Este xogo está protagonizado por Shaq Fei Hung (personaxe inspirado na lenda da NBA), un orfo chinés adestrado por un mestre de artes marciais que terá que enfrontarse a demos que buscan destruír o mundo percorrendo recantos de Occidente, onde ter que vencer a hordas malignas con movementos devastadores para despois loitar contra xefes finais como se facía en moitos beat’em up dos anos 80 e 90.
Shaq Fu: A Legend Reborn está á venda por 23,99 euros para PlayStation 4, quedando agora por lanzar as versións para Xbox One, PC e Nintendo Switch (pois enténdese que as versións para Wii U, Xbox 360 e PS3, anunciadas inicialmente, quedan desbotadas agora que se consideran plataformas obsoletas). Temos así un exemplo máis de como un xogo que se tomaba a broma (coma Goat Simulator) remata converténdose nun produto comercial moderno, grazas ao bo humor de usuarios e desenvolvedores.

Este novo xogo recupera as mecánicas dos beat’em up clásicos, pero apostando pola esaxeración propia do concepto no que se basea

Tráiler de lanzamento do novo xogo de Shaq Fu para PS4

ACTUALIACIÓN: O xogo vén de ser retirado da venda, dando a impresión de que a súa posta a disposición foi accidental, e o seu lanzamento oficial terá lugar nos vindeiros días en todas as plataformas previstas de xeito simultáneo.

PUBLICIDADE