O novo Castlevania non terá escenas pre-renderizadas

venres, 19 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Castlevania: Lords of Shadows non é só unha nova entrega da saga de xogos de Konami protagonizada por unha estirpe de cazadores de vampiros que buscan derrotar a un Drácula resucitado, senón que supón un reinicio da historia e está a ser desenvolvido polo estudo español Mercury Steam para PlayStation 3 e Xbox 360.
Entendemos así que este título estea a captar moita atención no contorno, pero o certo é que as expectativas espertadas están a ser moi elevadas, pois os gráficos que nos deixan ver nos distintos anuncios do xogo pintan realmente ben, a aventura de plataformas debería durar unhas 15 horas para un xogador medio (algo que está moi ben se atendemos á duración media dos xogos actuais) e a través de Twitter veñen de confirmar que o xogo estará libre de cinemáticas pre-renderizadas, ou sexa, que as secuencias narrativas do xogo correrán co motor do xogo e non serán vídeos, o que fará que a estética sexa moi coherente e sólida, evitando tamén a decepción do usuario, que en moitas ocasións ve trailers dun xogo que finalmente non se corresponde co xogo en si, senón en vídeos incluídos no mesmo.


Trailer de presentación do novo xogo de Mercury Steam, Castlevania: Lords of Shadow

PUBLICIDADE