O modelo de Mancomun.org, referente en Europa e Latinoamérica

martes, 23 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

A feitura cooperativa da plataforma Mancomun.org segue a obter recoñecentos a nivel europeo. Hai uns meses dabamos conta nesta mesma web do fondo interese amosado polo centro tecnolóxico UNU-MERIT de Maastricht (Holanda) en todo o referente ao modelo da iniciativa galega. Agora, o dito equipo de traballo e a Unión Europea están a certificar o que xa avanzamos este mesmo verán: que o réxime de colaboración de Mancomun.org é unha referencia en Europa e Latinoamérica. Isto que significa? Pois basicamente que o dito modelo colaborativo posto en marcha pola Consellería de Innovación e os grupos de usuarios e deseñadores de software libre de Galiza servirá a nivel europeo para implantar tecnoloxías abertas en todas as administracións.
Así nolo contan estes días os responsables da propia plataforma e así o fai saber o estudo casuístico elaborado polo devandito centro UNU-MERIT e publicado polo Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR).
Nel expóñense polo miúdo as características do centro e a súa evolución histórica dende os seus comezos, en maio 2006, até a súa recente conversión en Centro de Referencia e Servizos de Software Libre.
Entre outras valoracións, o documento salienta o papel desenvolvido pola iniciativa galega como elemento dinamizador e catalizador da programación aberta en Galiza, ofrecéndolles un punto de encontro aos proxectos que xa existían previamente e favorecendo a colaboración entre eles. Asemade, inclúe un itenerario histórico pola proposta galega e avalía os convenios asinados e os orzamentos postos en xogo. Entre os obxectivos especialmente valorados polo estudo figuran os seguintes: a implicación decidida da administración galega no pulo ao software libre con axudas que toman partido “claramente” pola tecnoloxía aberta, a achega de ferramentas libres para o uso das empresas ou a creación dun repositorio propio de open source galego (A Forxa).

PUBLICIDADE